Galegos no mundo Marrakex

 01/04/2013

O formato de Portocabo para Televisión de Galicia volve o vindeiro martes 2 de abril cun programa dedicado a Marrakex.

Galegos no mundo convídanos a unha nova aventura na que coñeceremos destinos alucinantes a través daqueles galegos que, por motivos diversos, levan un tempo instalados fóra. A primeira parada será Marrakex: nos mergullaremos na vida dos zocos e deixarémonos seducir polo ambiente da praza de Yamma o Fna, onde cada noite danse cita contacontos, encantadores de serpes, acróbatas e vendedores de artesanía e delicias típicas.

A alegre Marrakex será o punto de partida dunha aventura que nos levará a lugares tan dispares como Sao Paulo, coñecida como “a cidade que nunca para”. Se seguimos con ganas de praia, caipiriñas, churrasco e chimorrao, faremos unha parada en Porto Alegre, unhas metrópoles de marcado carácter grazas á conxunción das culturas hispanoplatense e lusobrasileira. Dos contrastes de Porto Alegre pasaremos aos de Santiago de Chile, unha das poucas capitais do mundo nas que se pode gozar da praia e do esquí a menos de 100 km. Tamén visitaremos Córdoba: epicentro cultural de Arxentina, conta coa cuarta universidade máis antiga de América. E da universidade cordobesa á máis antiga de fala inglesa, situada na animada Oxford. Este será un dos destinos europeos que visitemos, entre os que tamén se atopan Turín, Lión, Anveres, Glasgow ou Róterdan.

Se aínda temos forzas para cruzar o charco, espéranos Abu Dhabi, unha das maiores potencias mundiais en materia de turismo, industria e finanzas. En Abu Dhabi coñeceremos a espectacularidade arquitectónica dos seus edificios así como a riqueza natural das súas reservas naturais. E de Abu Dhabi a outra potencia financeira: Hong Kong. Atoparemos galegos entre os seus 7.000.000 de habitantes repartidos no seu 1.000 km2, e descubriremos que, a pesar desta densidade poboacional, Hong Kong é unha das cidades con máis zonas verdes de Asia.

Todo isto, e moito máis, todos os martes ás 22:30 na Televisión de Galicia.