A serie que Portocabo produce para Movistar+ acumula 3 candidaturas por: mellor serie, mellor interpretación masculina (Javier Cámara) e mellor interpretación femenina (Mónica López)
Os actores de 'Rapa', Javier Cámara e Mónica López, ambos nominados á 28º edición dos premios Forqué
Mentres a serie de Portocabo continúa rodando en Ferrol a súa segunda temporada, o xurado dos Premios Forqué decidiu que a primeira temporada de 'Rapa' sea a produción máis nominada (xunto con Apagón) nas categorías de series. A ficción ambientada en Ferrolterra acumula tres candidaturas nestes premios nacionais.
Nunha sala do Cine Capitol, os actores Álvaro Rico, Amaia Salamanca, Eduardo Noriega e Macarena García anunciaron os finalistas na 28ª edición dos galardóns da industria. 'Rapa' é candidata a Mellor Serie de Ficción, a súa actriz principal, Mónica López, obtivo unha nominación a Mellor Interpretación Femenina e Javier Cámara, o protagonista, foi nomeado a Mellor Interpretación Masculina.
As outras producións nominadas xunto con Rapa (Movistar Plus+) á mellor serie foron 'Apagón' (Movistar Plus+), 'Historias para no dormir' (Prime Video) e 'La unidad' (Movistar Plus+). Pola súa banda, 'Cinco lobitos' foi a película máis votada na sección cinematográfica con catro nominacións. O filme de Alauda Ruiz de Azúa competirá con 'Alcarràs', gañadora do Oso de Ouro no Festival de Berlín, 'As Bestas' e 'Modelo 77'.
O acto de presentación dos nomeados contou coa presenza de representantes políticos e das principais institucións audiovisuais do país, como Marta Rivera de la Cruz, ministra de Cultura, Turismo e Deportes da Comunidade de Madrid ou Eduardo Fernández Palomares, subsecretario do Ministerio de Cultura e Deportes.
Esta edición dos premios Forqué volverá a celebrarse en Madrid o 17 de decembro. Esta 28º edición será especial pola lembranza de Verónica Forqué, figura fundamental da cinematografía española que estará moi presente nos premios, xa que a mesma semana que se celebra a gala tamén se cumpre o primeiro aniversario da morte da actriz.
Rapa convértese así nunha das series favoritas para levarse un premio e acumula este ano varias nominacións. Aos dos premios Forqué anunciados recentemente súmanse as 4 candidaturas aos Premios Iris ou as 3 á FICAL. Este recoñecemento por premios nacionais, xunto á boa acollida da crítica e a boa acollida do público (a serie máis vista de Movistar+ da tempada), sitúana como unha das mellores ficcións deste 2022.
Comentários